rol e presenza do reino de galiza e pegada da arte galega no contro de portugal (S. XIII-XV)28/5/2025
0 Comentários
A exposición de Pepe Carreiro Humor para mudar o mundo. Que graza! Inaugúrase en Compostela o vindeiro luns, 2 de xuño, ás 18:00h. no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia (Praza Salvador Parga nº 4).
Composta por 50 obras , Humor para mudar o mundo. Que graza! é un título que recolle moi ben o que pretende o artista, coa súa forza creativa nas súas dúas sentencias: unha primeira, frase en serio e pretensiosa (Humor para mudar o mundo), que logo, na segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) rebaixa as ínfulas da primeira parte e lle dá un baño de realidade. Pepe Carreiro é un dos debuxantes de banda deseñada máis importantes dos últimos 40 anos. Fundador das publicacións Can sen Dono e Xo!, colaborou en xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (Galicia) e Xornal de Galicia, e en semanarios e revistas como A Nosa Terra. Está considerado un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao. A AC. O Galo convídavos á palestra A ECONOMÍA EN SANTIAGO (1923/1936), que impatirá o Catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC Xoán Carmona Badía.
Data e hora: martes, 27 de maio de 2025, ás 19.30h. Lugar: Libraría Couceiro. Con esta palestra continuamos as xornadas SANTIAGO DE COMPOSTELA 1923/1936 que estamos a realizar ao longo dos vindeiros meses, coa axuda do Concello de Santiago. O seu programa abrangue historia, cultura, o coñecemento de relevantes personalidades e de espazos e edificios nos que se celebraron ou ocorreron feitos importantes na década elixida. Xoán Carmona Badía, Doutor en Economía pola USC. Ampliou estudos no Max-Planck-Institut für Geschichte. É catedrático de Historia e Institucións Económicas na USC. É director do Departamento de Historia e Institucións Económicas na USC. Investiga sobre historia marítima e industrial, e historia empresarial e patrimonio industrial. O seu traballo de investigación centrouse inicialmente na historia marítima e industrial, ampliándoo logo á historia empresarial e ao patrimonio industrial. De entre os seus libros pódese salientar El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia (2005). O seu último libro é Grupo Davila.Un siglo de liderazgo en el sector marítimo español, 1917-2017 (2022). Na palestra, Xoán Carmona, falaranos das bases económicas na bisbarra compostelá. Dos ciclos derivados da primeira gran guerra e crise internacional do 1920-1921. Do pulo da economía no primeiro terzo do século, directamente relacionado coa maior integración da economía galega nos mercados internacionais como produtora de mercancías do sector primario e as súas transformacións; a desaparición dos foros e o nacemento da industria fabril; o desenvolvementos dos servizos públicos urbanos e a expansión do sistema bancario... A entrada é libre até completar o aforo. A AC. O Galo convídavos á conversa entre Manuel Rei Romeu e Néstor Rego sobre CASTELAO, DESTA TERRA E DESTE TEMPO.
Terá lugar o vindeiro venres, 23 de maio de 2025, ás 20:30h. no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa Fonte de Stº Antonio nº 10, Santiago). Manuel Rei Romeu, autor do libro que acaba de publicar Tempo Galiza , e Néstor Rego deputado do BNG falarán sobre Castelao, un referente imprescindíbel para a Galiza de hoxe. Afondarán na obra artística de Castelao e nas chaves ideolóxicas do seu pensamento, que continúan tendo vixencia e utilidade. A entrada é libre, até completar o aforo. Rafal García Ferreira, doutor en historia contemporánea pola USC e membro do grupo HISTAGRA, falaramos da Compostela 1923-1936. Da ditadura de Primo de Rivera á II República.
Esta palestra ten como obxectivo poñer en perspectiva a cidade antes e despois da proclamación da II República. A chegada da democracia supuxo unha serie de cambios con respecto ao sistema da Restauración e da ditadura de Primo de Rivera que caberá mencionar, como o persoal político, as políticas locais, os proxectos levados a cabo polas corporacións municipais ou as oportunidades que se abrían para a cidadanía ao respecto da filiación política ou sindical. Ademais desta posta en perspectiva, destacará algúns feitos de importancia ocorridos en ambos períodos.Por exemplo, a anexión do concello de Conxo. O 14 de maio, na libraría Couceiro, comezan estas xornadas cunha palestra de Rafael García Ferreira titulada SOCIEDADE, POLÍTICA E SINDICATOS EN SANTIAGO.
Ao longo de varios meses teremos palestras, roteiros e visitas que nos achegarán ás xentes da Compostela de hai cen anos. O programa destas xornadas que realizará AC. O Galo, coa axuda do Concello de Santiago, abrangue historia, cultura, o coñecemento de relevantes personalidades e de espazos e edificios nos que se celebraron ou ocorreron feitos importantes na década elixida. Nos seus contidos prestarase especial atención a evidenciar: como na práctica, Santiago actuaba cal capital de Galiza desde mediados de 1920; os recursos e modos de vida da xente do común; á dinamización por parte de determinados grupos; os cambios na USC; o rol desempeñado pola prensa; como a denominada “historia oral” e as aportacións de escritores e artistas adquire un grande relevo para a recuperación da memoria histórica deste período. O mércores, 7 de maio, esatades convidados á palestra CANCIONEIROS TRADICIONAIS GALEGOS impartida por Antón Santamarina, catedrático da USC, e a posterior visita ao ARQUIVO DO PATRIMONIO ORAL DA IDENTIDADE, guiada pola súa coordenadora, Concepción Losada.
Na conferencia, Antón Santamarina, falaranos dos cancioneiros populares galegos e dos seus compiladores, desde o Padre Sarmiento, quen no s. XVIII xa lles presta atención e atribúe un papel principal ás mulleres tanto na creación das súas letras como das súas melodías. Tamén nos falará de eruditos que posteriormente recolleron milleiros de cantigas, como os galegos Manuel Rico Verea, Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesias, do americano Alan Lomax ou da suíza Dorothé Schubarth, coa que traballou o propio Antón Santamarina. Na visita guiada ao APOI, Concepción Losada amosaranos este arquivo accesible a toda a cidadanía, que custodia gravacións orais e musicais e datos para situar os nosos cancioneiros tradicionais no seu contexto sociocultural. Breve historia dos cancioneiros galegos O interese pola lírica popular vén de vello. A mediados do sé. XVIII o Padre Sarmiento (1695-1772) pon por primeira vez a atención nesta poesía anónima, na que atribúe un papel principal ás mulleres tanto na creación de letras como de melodías. Hai despois de Sarmiento ao longo dos séculos XIX e XX outros eruditos ou afeccionados que recolleron cantigas entre eles o Padre Sobreira (1746-1805), Saco y Arce (1835-1881), Marcial Valladares (1821-1903), José Casal y Lois (1845-1912 e outros. Domingo Blanco reuniu na súa tese A poesía popular en Galicia (1745-1885) (ed. en Xerais) todo o que atopou disperso, publicado ou inédito, ata esa data, que son varios milleiros de cantigas. En 1886-1887 aparece por primeira vez un cancioneiro que intenta ser xeral de toda Galicia, o de José Pérez Ballesteros Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de La Coruña, 3 vols. promovido pola Sociedad del Folklore Gallego, fundada en 1884. Despois foron aparecendo outros cancioneiros, en xeral restrinxidos a territorios pequenos (A Maía, a illa de Ons, a Limia Baixa, a Terra Chá etc.). Aproveitando materiais dalgúns deste cancioneiros fixo Cabanillas unha fermosa antoloxía comentada, Antífona da cantiga (1951), o primeiro libro de Galaxia. O interese pola música popular apareceu máis tarde, en especial cando comezaron a aparecer orfeóns, a semellanza do que ocorría en Cataluña e noutras partes de Europa pola mesma época. O primeiro foi foi o Orfeón Coruñés (1875) que dirixiu P. Veiga, despois veu Aires da Terra en Pontevedra (1883) fundado por Perfecto Feijoo, e pouco máis tarde o Orfeón lucense (1888) fundado por Juan Montes. Todos recollían melodías e harmonizábanas e ían facendo un arquivo con elas. Con estes coros entraba por primeira vez a música popular galega nos escenarios e pouco despois nos discos. Un gran paso deuse cando, por iniciativa de Casto Sampedro y Folgar (1848-1937), se iniciou a compilación dun cancioneiro musical xeral de toda Galicia. Sampedro era el mesmo musicólogo e transcribiu moito pero ademais contou coa colaboración de moitos músicos de toda Galicia o ferrolán Ramón Arana (Pizzicato), o pontevedreses V. Said Armesto, o franciscano (madrileño) Luís Fernández Espinosa (radicado en Pontevedra) o estradense M. Valladares, o lugués Xoán Montes e moitos outros. Os interesados na nómina completa (entre eles máis de 30 anónimos) poden vela na tese de Xavier Groba González, Casto Sampedro e a música do cantigueiro galego de tradición oral descargable na internet (https://dialnet.unirioja.es/servlet/tesis?codigo=127129). Outro paso importante foi dado polos musicólogos Eduardo Martínez Torner (1888-1955), asturiano, e o lugués Jesús Bal y Gay (1905-1993); a obra estaba en curso cando foi interrompida pola Guerra. Unha mostra das nosas cantigas e melodías xa se incorporara tamén a cancioneiros españois, entre eles o de José Inzenga (1828-1891) Cantos y bailes populares de España (1888) ou ao de Felipe Pedrell (1841-1922) Cancionero musical popular español (1922). Pasada a Guerra Civil houbo outros colectores de música popular galega. Un deles foi o burgalés Pedro Echevarría Bravo (1905-1990) que, entre os anos 1951-1960 realizou para Instituto Español de Musicología, do CSIC, oito misións folclóricas en Galicia. Estes materiais están aínda inéditos pero dispoñibles no Fondo de Música Tradicional da Institució Milà i Fontals (https://www.imf.csic.es/) Houbo outros recompiladores de folclore galego, entre eles un americano chamado Alan Lomax (1915-2002). Cunha bolsa de estudo que lle forneceu a BBC no ano 1952 (novembro e decembro) estivo en España e froito daquela viaxe foron ó ano seguinte oito discos (Folksongs of Spain) un deles dedicados a Galicia. O arquivo Lomax é consultable en rede (https://archive.culturalequity.org/). A partir de 1978 comeza en Galicia o traballo de compilación dun Cancioneiro popular galego (1984-1995) obra da musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) da que é colaborador o autor destas liñas. Paralelamente ou posteriormente ao Cancioneiro de Schubarth seguiron aparecendo cancioneiros con partituras en xeral referidos a áreas ou temas concretos; entre eles o de Manuel Rico Verea (1990); Xosé Luis Rivas Cruz & Baldomero Iglesias (1998); Carlos Iglesias Borrajo e Ana Rosa Morán (1997 e 2002); e varias de Xosé Luís Foxo (2003, 2005, 2007, 2016 e 2019. Antón Luís Santamarina Fernández San Martín de Suarna, A Fonsagrada, 1942. É lingüista especializado no ámbito da lexicografía e ten realizado tamén numerosas achegas no ámbito da gramática, a sociolingüística, a dialectoloxía e a didáctica. Os seus traballos contribuíron a afondar no coñecemento do estado da lingua e das súas variantes, así como ao establecemento da súa actual forma culta. Catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolveu toda a súa carreira académica, é membro do Instituto da Lingua Galega (ILG), do que foi director. É membro dos seminarios de Lexicografía e Onomástica da Real Academia Galega e coordina este último desde o ano 2019. Importancia da dixitalización na culltura. O exemplo do APOI do Nuseo do Pobo Galego Grazas a dixitalización, indexación e posta a disposición on-line do material orixinal gravado fai décadas podemos seguir escoitando aos maiores, podemos empregar as súas voces e os seus instrumentos como fonte para nos recrear, para continuar creando e manter un patrimonio vivo. Os cambios do modo de vida producidos neste último século trouxeron consecuencias no facer, no saber facer e mesmo no proceso de aprendizaxe social, de transmisión da cultura. Cando, por exemplo, desapareceron as tarefas artesanais colectivas, seguramente marchou con elas a necesidade de harmonizar o ritmo físico de traballo, e tamén a necesidade de cantar ó traballar. E cando a xente deixou de cantar e facer música por sí, quedamos tamén sen xente que ensinara a aqueles que están arredor, tal e como se aprendía de vello. Coa chegada da radio, televisión, discos,... apareceu ou incrementouse a produción e distribución de música profesional. A música e o canto pasaron a nacer nas latas e as latas poden ser producidas e distribuídas desde moi lonxe, en calquera sitio do mundo: Industria manda. Os novos e os vellos seguimos a gozar da música que nos acompaña do berce ao cadaleito. A diferencia mírase en onde está aquela persoa que escoitamos, quen é, de onde ven, onde e como aprendeu a cantar ou a tocar, por que e como chegou a cantar para nos. Os nosos mozos e mozas corean a artistas de todo o mundo e a globalización ten aspectos moi positivos pero, cando escoitamos falar da riqueza dunha globalización intercultural, teriamos que nos parar a pensar que imos ofrecer (a esa interculturalidade que nos propoñen) se non temos nada de noso que aportar. Podemos deixar correr a vida e non nos cuestionar a perda dos nosos referentes na música e no canto. Mesmo pode desaparecer a nosa cultura como desapareceron tantas outras na historia da humanidade. Pero non queremos que iso pase. Dixitalizar os rexistros sonoros de voz e música e as gravacións audiovisuais asegura a permanencia do material gravado mais aló da degradación dos soportes perecedoiros nos que foi almacenada fai décadas. Ademais, ofrece un modo mais axeitado de incorporar o tratamento deses rexistros a bases de datos. Nelas poden establecerse relacións directas das gravacións con gran cantidade de outros datos (ou metadatos) para que poidamos facer buscas do que desexamos con criterios complexos, facer comparacións por áreas xeográficas ou temporais (por exemplo: buscar cantigas de mulleres de Lugo anteriores a 1975...), consultar os sons acompañados das letras, de fotografías, da bibliografía que exista en relación con elas etc. No Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) gardamos e poñemos a disposición das persoas (presencialmente e no noso sitio web http://apoi.museodopobo.gal/ ) os rexistros sonoros orixinais de música tradicional galega e patrimonio oral de Galicia que alberga o Museo do Pobo Galego. Estes fondos foron recollidos por todo o país (e nas terras de emigración) a centos do informantes, por coleccionistas e compiladores que nolos cederon, e continúan crecendo ata o día de hoxe. Para cultivar fan falta sementes. O símil da semente do patrimonio herdado, do aprendido dos maiores como base sobre a que asentar o presente e o futuro dunha cultura, está ben establecido na literatura e mais na vida. Se perdemos as sementes, perderemos a posibilidade de cultivar, de producir e de seguir coa cadea de gardar para ter colleita nova, ... e facer país. Este texto foi escrito por Concha Losada Vázquez, para o boletín electrónico de PuntoGal. |
Arquivos
Junho 2025
![]() A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.
|