Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

February 28th, 2026

28/2/2026

0 Comentários

 
Fotografia
Presentación do caderno 170 anos do Banquete de Conxo
A Fundación Galiza Sempre e a Agrupación Cultural O Galo presentan o vindeiro luns 2 de marzo o caderno 170 anos do Banquete de Conxo no mesmo barrio no que se celebrou o acto hai 170 anos.

 Este ano cúmprense 170 anos do Banquete Democrático de Conxo, e a FGS en colaboración coa A.C O Galo decidiron dedicar un novo número da colección Efemérides de Galiza a este acontecemento de fonda carga simbólica. O caderno está elaborado por Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) durante case dúas décadas e do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A na actualidade, quen ofrece un rigoroso percorrido polo contexto histórico e a significación política deste importante episodio da nosa historia.
O Banquete Democrático de Conxo foi un acto consciente de rebeldía contra a orde económica e social estabelecida. Tivo unha enorme carga política, unha clara compoñente antimonárquica, republicana e crítica co capitalismo liberal. Constituíu tamén un importante xesto simbólico á vista de toda a sociedade, no cal a posta en escena, a poesía e as intervencións políticas en forma de brinde e discursos estaba trufados por ideas de xustiza social, progreso e liberdade. En definitiva, representou unha afirmación da fraternidade democrática e da significación do traballo e das clases populares, así como a reivindicación dunha sociedade nova capaz de superar as barreiras sociais herdadas e o papel subordinado de Galiza no Estado español.
Por iso, este luns, as entidades organizadores lembraremos nun acto que se celebrará no CSC Aurelio Aguirre de Conxo ás 20 horas, unha das efemérides contemporáneas máis importantes da historia de Galiza e da propia cidade de Compostela. No acto contaremos coa alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín e o autor do caderno, Xoán Costa. A presidenta da A.C O Galo, María Antonia Pérez, presentará e moderará o acto.
​As persoas asistentes serán agasalladas cun exemplar da publicación.
0 Comentários

PRESENTACIÓN DO LIBRO PERSONAXES DA GALIZA MEDIEVAL IV

22/2/2026

0 Comentários

 
Fotografia
A AC. O Galo presenta o libro Personaxes da Galiza Medieval IV. Con el continuamos a materializar a nosa contribución na recuperación da memoria histórica de Galiza.

Coa publicación do numero cinco da serie que comezou no ano 2021 con Galicia. Reis e Reino temos como obxectivo esparexer o noso pasado valéndonos da actuación de mulleres e homes que, ao defender os seus propios intereses, tamén defenderon os de Galiza. A temporalidade de Personaxes da Galiza Medieval IV, ao igual que a dos libros anteriores, circunscríbese aos séculos nos que a nosa Terra era un reino de seu, e contaba cunha estrutura económico-social protofeudal e logo feudal, que hoxe consideramos definitoria desa época. Cínguese a ese período no que a nosa alta nobreza tiña posto os ollos en formalizar un proxecto político-económico “atlantista” fronte ao, digamos, “mediterranista” impulsado por Aragón e Castela, en especial ate finais do século XV.
Os textos deste volume están escritos polos seguintes autores, o limiar, “A Galiza Medieval do século XV”, por Francisco Rodríguez, “Fernan Eanes dem Limia“ e “Pedro Alvarez de Soutomaior“ por Suso Vila, “Nuno Freire de Andrade” por Ricardo Pichel,  “Bernal Eans de Moscoso“ e “Lope Sanchez de Moscoso“ por Carlos J. Galbán Malagón, “Diego de Lemos e Maior de Ulloa“ e “Dona Urraca de Moscoso” por Miguel Garcia-Fernandez e “Pedro Pardo de Cela” por Alexandre Peres Vigo.

Agasallaremos cun exemplar ás persoas asistentes.  De querer vir, hai que anotarte en [email protected] antes do xoves 26 de febreiro de 2026 ás 17h., indicando o nome e apelidos. Mandaremos un correo de confirmación indicando que tes praza.

O acto será: 
Lugar:  Museo das Peregrinacións. Praza das Praterías 
Data, hora e duración:  Venres, 27 de febreiro de 2026, ás 20h. Durará aprox. 1:30h. 
Intervirán: Unha representante da AC. O Galo, tres dos autores do libro: 
Francisco Rodríguez, prof. doutor reformado, escribe sobre o contexto social do s. XIV e do segundo terzo do XV. 
Ricardo Pichel, profesor no Dpto. de Teoría da Literatura da UNED, escribe sobre Nuno Freire de Andrade.
Suso Vila, escribe sobre o tema das súa tese de doutoramento: Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga). 
Por outra banda, tamén falará Natividade  González Deputada Provincial de Cultura da Exma. Deputación da Coruña.

0 Comentários

25 edicións discográficas para rosalía de castro

9/2/2026

0 Comentários

 
Fotografia
     O vindeiro 19 de febreiro, na Libraría Couceiro de Compostela, teremos a oportunidade de escoitar ao catedrático Xaime Estévez na palestra titulada  “VINTE CINCO EDICIÓNS DISCOGRÁFICAS PARA ROSALÍA DE CASTRO”. A entrada é libre até encher.

     Xaime Estévez Vila
é catedrático de música en ensino secundario ( IES Álvaro Cunqueiro-Vigo). Profesor colaborador das universidades galegas no máster de profesorado de secundaria. Membro do equipo ERASMUS do IES Á. Cunqueiro. Membro do comité técnico asesor do Arquivo Sonoro de Galicia pertencente ao Consello da Cultura Galega. Asesora á Radio e a Televisión galega en programas como “Alalá”, “No Bico un cantar” ou” Lume na Palleira (Como membro da AGG).  Promotor de eventos culturais como o “Memorial Henrique Otero en Vigo”, “Homenaxe A Tradición do Val Miñor” ou “Tradición en Camiño” e Abrente Folk” en Mos.  Forma parte activa dos grupos: Os Terribles de Donas, O Coro galego e Sons do Abrente de Mos, os Novos Galiños de Belesar ou a Banda de Gaitas Raigames de Vigo. Membro da directiva da Asociación de gaiteiro galegos como vogal. Dispón dunha colección de miles de gravacións editadas da música galega e dun blog “Educafolk” con máis de 400 entradas sobre a educación e a música. Manexa paralelamente ao piano e a gaita galega, zanfona, guitarra, acordeón, frauta e instrumentos de percusión galega, así como a voz.

     Resumo da palestra “VINTE CINCO EDICIÓNS DISCOGRÁFICAS PARA ROSALÍA DE CASTRO”
     Rosalía de Castro é con moito a referencia da literatura galega máis  abundante  na música. Máis de cincocentos rexistros sonoros (datos da Biblioteca Nacional) multiplican varias veces os que podemos contabilizar a outros que lle seguen como Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro. A obra literaria máis gravada de Rosalía é o “Negra Sombra “ con música de Juan Montes coa particularidade de que a versión musical instrumental é moi común en distintas gravacións. A gravación máis antiga localizada é un rolo de pianola de 1910  conservado na Biblioteca Nacional de “Negra Sombra”, á que seguirán múltiples versións corais a partir dos anos vinte do século pasado como Artística de Vigo, Coral de Ruada, Cantigas da Terra, Coral Rosalía de Castro ou Polifónica de Pontevedra entre outras. Será a partir de 1970 co Pop galego, a música de cámara vogal  e coa canción de autor, como se chega a unha definitiva diversificación dos empregados polos músicos.
     Hoxe imos deternos nun capítulo non tratado especificamente e que pode ser un primeiro paso necesario para abordar a importancia dos traballos discográficos relacionados coa escritora galega. Son estas edicións as que pensaron nunha unidade o traballo discográfico de varios temas sobre Rosalía de Castro, e así é de xustiza deterse para poñelos en valor, porque sen dúbida foron referencia fundamental para que outros incluíran máis obras con este reclamo e tamén unha demostración palpable da pegada  e transcendencia cultural mantida no tempo  da obra rosaliana a través da arte musical.
     Nós imos  deixar constancia de  vinte e cinco  edicións discográficas que quedarán na historia asociadas totalmente á súa obra por ser monográficos así concibidos premeditadamente polos seus promotores.

0 Comentários

os castro: nobreza e poder (séculos xiii e xiv)

1/2/2026

0 Comentários

 
Fotografia
O vindeiro sábado, 7 de febreiro, teremos unha palestra na Libraría Couceiro titulada OS CASTRO: NOBREZA E PODER (SÉCULOS XIII E XIV) a cargo de Héitor Picallo. A entrada será libre até encher.

Héitor Picallo Fuentes (Vila do Baño – Cuntis, 1974) é enxeñeiro técnico naval pola UDC. Alén de ilustrar libros, combina o seu oficio coa investigación, sendo obras súas: Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego (Laiovento 2008); Coa lingua na terra (Toxosoutos 2013), Cuntis na época romana (autoedición 2016); No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos (Fervenza 2018); O escudo do Reino da Galiza: unha (re)visión (inter)nacional, A onomástica nacida da terra (Sermos Galiza 2021); Mosteiros medievais senlleiros do Reino da Galiza (Sermos Galiza 2025) e Urraca: Totius Gallecie imperatrix (Sermos Galiza 2025).
A elas súmanselle varios títulos infantís e outros de coautoría. Traballos seus ven a luz en Adra, Compostellanum, Conimbriga, Murguía, El Museo de Pontevedra, Raigame, Tapa, A Trabe de Ouro... Conta cos premios de xornalismo Máximo Sar (2005) e Reimóndez  Portela (2012). É padroeiro do Museo do Pobo Galego e da Fundación Antonio Fraguas.


Baixo o título Os Castro: nobreza e poder (séculos XIII e XIV) Héitor Picallo fará un periplo histórico ao redor desta caste galega cuxos membros, durante un par de séculos, case tiñan tanto poder como un rei.
O relato comeza na segunda metade do século XII, cando Gutier Rodríguez de Castro, procedente das terras burgalesas de Castrojeriz, asenta na Galiza e casa coa señora de Lemos Elvira Osorez. Aquel personaxe, do que non se coñecen moitos datos históricos, con independencia do que relatan algunhas crónicas, xa figura como tenente en Lemos por 1182 e o Conde de Barcelos comenta del que ademais de ser un home colérico ficou preso polos musulmáns catro décadas. Dous dos irmáns del, Pedro e Álvar, ostentaron o cargo de Mordomo Maior durante o reinado de Fernando II.
Após esta introdución mergullarase na persoa de Fernán Gutiérrez de Castro, que asiste ás Navas de Tolosa en 1212 e desempeña importantes responsabilidades durante o reinado de Afonso VIII da Galiza, entre outras as tenencias de Búbal, Lemos, Monterroso, Estremadura, Toro, Zamora... Tamén ha ser Alférez Real e Pertegueiro Maior de Santiago, como tantos membros da súa proxenie. Estevo Fernández de Castro, o seu fillo, é bo testemuño disto ademais de se gabar do cargo de Adiantado Maior do Reino da Galiza. Tras as súas alianzas con Aldonza Rodríguez, de sangue real galega, incorpórase aos patrimonios familiares o castelo de Vilamartín de Valdeorras e por mor da súa disidencia coa política de Afonso “O Sabio”, sofre serias consecuencias económicas e sociais. Dentro destas últimas está a de ser tachado de homosexual como se advertiu nalgunha composición trobadoresca dese tempo. Liderar as pretensións centralistas da política galega en contra do expansionismo castelán en épocas de Fernando III e Afonso IX tróuxolle estas consecuencias, amais da deposición de varios cargos civís, políticos e militares que desempeñaba.
Mais estas discrepancias coa liña castelá han ser visíbeis, outrosí, na figura de Fernán Ruíz de Castro I. Este sería quen de apoiar –xunto co trobador Paio Gómez Chariño e outros nobres– a causa de Xoán de Tarifa, aquel que subido ao trono –e recuperado por investigacións recentes– pasa á historia como Xoán I da Galiza, León e Estremadura. Por esta e outras circunstancias o señor de Lemos ha sentir no seu corpo a friaxe da espada do infante Filipe (fillo de Sancho IV), circunstancia que enquista consecuencias en xeracións vindeiras. De principio, Pedro Fernández de Castro, fillo de Fernán Ruíz, será educado na corte portuguesa cabo de Pedro Afonso, futuro conde de Barcelos e fillo de Don Dinís. Os descendentes de Pedro conseguirán un importante protagonismo nas cortes de Castela e Portugal, se ben as súas fillas Xoana e Inés se unen cos monarcas de ambos os dous reinos, nomeadamente, Pedro I “O Cruel” e Pedro I de Portugal. Ademais de abordar as figuras desas raíñas saída da casa dos Castro se subliñará a persoa de Fernán Ruíz de Castro (II), igual cós seus antepasados contrario á política de submisión castelá e si partidario dunha liña atlantista, que ligase os reinos de Portugal e Galiza. A súa postura e accións provocan o seu exilio nas terras de Tolosa, onde falece e será soterrado na Baiona francesa.
Ao longo da conferencia iranse localizando de xeito xeo-cronolóxico os patrimonios distintos membros desta caste, así as responsabilidades e vínculos con Galiza e outros reinos da Península. 
0 Comentários

    Arquivos

    Março 2026
    Fevereiro 2026
    Janeiro 2026
    Dezembro 2025
    Novembro 2025
    Outubro 2025
    Setembro 2025
    Julho 2025
    Junho 2025
    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.