Como é habitual, abrirase un coloquio ao rematar esta conferencia, que forma parte das xornadas SANTIAGO DE COMPOSTELA 1923/1936, que a AC. O Galo está celebrar cá fin de contribuír á recuperación da memoria histórica da nosa cidade durante esa etapa. Véxase www.ogalo
A entrade é libre até completar o aforo.
Xosé Ramón Rodríguez Lago é Doutor en Historia Contemporánea pola USC coa tese “Clero secular y Acción Católica en Galicia del nacional-catolicismo (1936-1965)”. Profesor titular e coordinador do Grupo de Investigación de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e Investigador Principal en varios proxectos de investigación financiados polo goberno de España.
Realizou estadías de investigación pos-doutoral na universidade RomaTre; Instituto de Estudos Universitarios de Florencia; Escola Española de Historia y Arqueología de Roma, na American University, Washington DC e no City College de New York.
É presidente da Asociación Española de Historia Religiosa Contemporánea (AEHRC) e publicou en editoras e revistas científicas do Reino Unido, Países Baixos, EEUU, Brasil, Suíza, Francia, Italia, Portugal e España. Entre os seus libros destacan Salvador de Madariaga y las redes pioneras del mundialismo (1927-1950) e a coordinación doutros como: Mas allá de los nacionalcatolicismos: redes transnacionales de los catolicismos hispánicos; Salvados para Dios: Iglesias, refugiados y emigrantes en la Europa de la larga posguerra (1939-1986) e Mujeres en Europa, mujeres por Europa: historias de resistencia y coraje.
Especificamente e en relación directa coa conferencia que impartirá para a AC. O Galo o tres de xullo, editou: Cruzados o herejes: la religión, La Iglesia y los católicos en la Galicia de la Guerra Civil e La Iglesia Católica en Galicia, 1910-1936: entre la revolución de Portugal y la cruzada de España.
Resumo da palestra
A Igrexa católica protagonizou en Compostela, durante os case trece anos transcorridos entre o golpe militar do xeral Primo de Rivera e o inicio da Guerra Civil Española, un proceso de transformación. A documentación consultada nos Arquivos Vaticanos (Arquivo Apostólico Vaticano, Arquivo Histórico da Secretaría de Estado, Arquivo Histórico do Santo Oficio, Biblioteca Apostólica) ou nos das principais congregacións relixiosas con sede central en Roma (sinalamos o Arquivo Histórico dos Xesuítas) permite analizar tales cambios.
Sobresae o emerxer dun movemento católico segrar con dúas frontes para a mobilización das masas: por unha banda o feminino, coa constitución en 1920 do primeiro centro de Mujeres de Acción Católica; e por outra o fronte xuvenil, que desde 1922 actuou na USC mediante a Confederación de Estudantes Católicos, unha organización que desde 1926 promoveu centros parroquiais da Juventud Católica e encontros. Así, en xuño de 1929 celebráronse en Compostela a III Asemblea Rexional de Xuventudes Católicas e a I Asemblea Rexional da Acción Católica Feminina.
O éxito da mobilización segrar contrasta coas dificultades entre o clero. Entre 1923/36 a arquidiocese de Santiago viuse rexida por sete eclesiásticos: catro arcebispos (Manuel Lago, Julián Diego García Alcolea, Zacarías Martínez e Tomás Muniz Pablos); un bispo auxiliar (Justo Rivas); un Administrador Apostólico (Antonio García); e un vicario capitular (Ángel Amor Ruibal). A enfermidade ou a temperá morte, afectou a varios deles, pero todos sufriron as liortas e os preitos mantidos dentro do cabido catedralicio.
Entre os conflitos, atopábase a soñada galeguización das dioceses galegas, unha aspiración que encontraría férrea resistencia na nunciatura de Madrid e na Secretaría de Estado do Vaticano, entidade que, trala apelación cursada por Otero Pedrayo, manifestaría a súa preocupación pola contaminación da esquerda política e a extensión de dinámicas separatistas.
A proclamación da II República aumentaría o grao de polarización entre os cregos partidarios da tradición e do progreso, e xeraría unha enérxica reacción dos opostos aos cambios. Pero ante á debilidade do clero, sería a fronte segrar Acción Católica a que se convertería en vangarda do catolicismo nos ámbitos educativos, socio-profesionais e parroquiais, tamén nos políticos.