Facendo Cultura en Compostela desde 1961
O Galo
  • Novas
  • Actividades
    • Servizos
  • Arquivo
    • Fotográfico
    • Documental
  • Faite soci@

alba de gloria

13/7/2026

0 Comentários

 
Fotografia
O próximo sábado, 18 de xullo de 2026 ás 12h, a Federación Galiza Cultura, da man da AC. O Galo e a AC Vagalumes, celebra no cumio do Pico Sacro a LECTURA DO ALBA DE GLORIA DE CASTELAO, un dos textos máis fermosos da literatura galega e que o noso grande político e artista escribiu estando xa exiliado en Bos Aires.
Cada ano lembramos así a subida a este monte de Afonso R. Castelao e un grupo de amigos seus, algúns deles membros das Irmandades da Fala. A AC. O Galo convídate á esta lectura e á visita guiada que realizaremos despois de xantar de campo. Non necesitas anotarte, podes traer contigo acompañantes, cada quen utilizará o transporte que coide máis acaído e traerá a súa comida.
​
                 ALBA DE GLORIA, SÁBADO 18.07.2026 ás 12h. NO CUMIO DO PICO SACRO:
12h: Benvida e intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritor@s en Lingua Galega.
12: 30h: Rubida ao último treito do cumio do Pico Sacro con descanso na capela. Xa no petouto, a AC. Vagalumes, a AC. O Galo e varias das persoas, lerán Alba de Groria de Castelao.
13:30h: Baixada con parada para ver a chamada cova da Raíña Lupa.
15:00 aprox.: Xantar de convivio en Carboeiro. Cada quen levará a súa comida, bebida e cubertos.
Non precisades apuntarvos.
0 Comentários

románico compostelán nas terras do ulla e deza

13/7/2026

0 Comentários

 
Fotografia
O próximo sábado, 18 de xullo de 2026, ás 17:00h. a AC O Galo convídavos á visita guiada ROMÁNICO COMPOSTELÁN NAS TERRAS DO ULLA E DEZA.
17:00h: Comezo da visita na igrexa de San Pedro de Ansemil, logo  visitaremos a de Breixa e o castro de Toiriz. 
Estes tres bens patrimoniais están separados por escasa distancia pero para ir velos necesítase coche. Por outra banda, o traxecto que percorreremos a pé é moi pouco é moi doado de andar. Duración prevista: dúas horas.
 Non precisades apuntarvos.
0 Comentários

homenaxe ás vítimas da represión franquista

13/7/2026

0 Comentários

 
Fotografia
PROGRAMA
09:50h  Embarque no porto de SANTADRÁN DE COBRES (VILABOA). 
10:45h  Visita guiada pola Illa da Memoria-San Simón
12:00h  ACTO CENTRAL: “90 ANOS Á PROCURA DA VERDADE, A XUSTIZA E A REPARACIÓN”. Intervirán:
- Elvira Souto (Escritora. AC. O Galo de Santiago) “Moncho Reboiras, vítima do franquismo”.
- Xosé Mª Álvarez Cáccamo (Poeta. Asoc. A Regaduxa M.H. de Vilaboa).
- Olga Novo (Poeta. Asoc. para a Dignificación das Vítimas do Fascismo).
- Lectura do Manifesto das asociacións integrantes de Iniciativa Galega pola Memoria.
Actuación do grupo Barahúnda  e de Gaitas pola Memoria.
13:30h  Regreso ao porto de S. Adrián de Cobres (Vilaboa). 
15:00h  Saída para Barro. 
15:30h Chegada ao pazo da Crega, antiga propiedade dos Soutomaior (xantar no patio de armas).  
17:30/18h: Visita guiada ás igrexas de Agudelo e de Curro. Logo imos á fervenza do Barosa.
0 Comentários

XIII CONVIVIO DA CULTURA GALEGA

3/7/2026

0 Comentários

 
Fotografia
Como todos os anos a esta altura chega o Convivo da Cultura Galega, desta volta a celebrar a súa XIIIª edición, o sábado 11 de xullo, que coma sempre se desenvolverá no Campo de Santa Isabel, en Outeiro de Rei. Estades convidados.

Vai a súa programación: 
  • Recepción das persoas participantes a partir das 11.15 horas, na Casa-Museo Manuel María como punto de encontro, onde acollerá a música da coral Solfa. 
  • Ás 11.45 horas, andaina cara ao cemiterio onde se levará a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta, con traslado posterior para o campo de Santa Isabel.
  • Ás 12.30 horas, andaina pola beira do río Miño amenizado coa actuación da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales. Nesta ocasión, a banda estará acompañada por Uxía, que alén de interpretar unha serie de composicións conxuntamente, cantará en solitario algunhas pezas do seu último traballo dedicado a Begoña Caamaño.
  • Ao remate, contra as 14.00 horas, comezará o xantar en convivio.
  • Ás 16.30 horas, continuará a festa cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde porá a música Sons da Chaira, Música na Eira, Mestura de Nete, e o grupo de cantos de taberna de Xermolos, Tradivivas Agra e Parabéns.
0 Comentários

INEQUIVOCAMENTE

29/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
Unha vez máis a nosa asociación colabora co festival Atlántica, que este ano inclúe o espectáculo INEQUIVOCAMENTE no que actúan os contacontos Antonio Fontinha, e Amaia Elizagoieu. Para poder asistir compre anotarse en  comunicacion@ogalo.gal antes do 29.06.2026 ás 18h.
Lugar: Xardíns do CSC Maruxa e Coralia.
data e hora: mércores 1 de xullo, ás 21h.
0 Comentários

Scórpio: compostela e Carvalho Calero

23/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
O vindeiro  martes, 30 de xuño de 2026 ás 19:30h, comezando na Praza de San Martiño Pinario, faremos o roteiro  SCÓRPIO: COMPOSTELA E CARVALHO CALERO. Guiarao X.R. Lopéz Boullón, un dos estudosos da obra de Ricardo Carvalho Calero.  O percorrido, con catro paradas, seguirá a narración de Scórpio relacionándoa coa actividade de Carballo cando estudaba na USC.
O obxectivo é achegarnos a unha historia colectiva nun período comprendido entre dous golpes de estado (1923-1936), coincidentes coa fundación e a desaparición do Seminario de Estudos Galegos. Supón, adentrarnos na vida das e dos escolares, nas súas relacións,  sentirmos os seus devezos, as súas emocións, o seu soño, nun tempo de sementeira nos eidos cultural, social e político.

Compre anotarse en comunicacion@ogalo.gal antes do 29.06.2026 ás 18h.


Scórpio: Compostela e Carvalho Calero
Scórpio foi, e non dubido que aínda é, unha proposta poliédrica e polifónica pois velaí como, desde a rica multiplicidade de voces narrativas abeirada á estrutura de saga, nela conflúen elementos de diversa filiación transformándose nun artefacto que se converte, no fondo, nunha novidosa mestura aquilatada de novela histórica e memorial -pioneira dalgún xeito de tantas pezas que viñeron despois pois remite ao período que vai de 1910 a 1938-, autobiográfica, heterobiográfica e nalgunha medida realista e xeracional tamén.
                         Arturo Casas, Ex umbra in solem, Fugas, La Voz de Galicia, 2 de novembro de 2020.
 
Pasear Compostela, un século despois do ingreso de Ricardo Carvalho Calero na Universidade, a un ano de celebrar o corenta aniversario da edición de Scórpio é rememorar a súa figura, o seu compromiso universitario, intelectual e político. Revivir a crónica daqueles anos, o relato da súa propia vida, a súa mocidade, caracterizada polo seu signo zodiacal, “nos aspectos positivos do seu carácter, pola afouteza, a tenacidade, a forza de vontade, a actitude reservada pero cortés, o sentido crítico e a sensibilidade” (Villanueva, 2020).
O obxectivo é achegarnos a unha historia colectiva nun período comprendido entre dous golpes de estado (1923-1936), coincidentes coa fundación e a desaparición do Seminario de Estudos Galegos. Supón, adentrarnos na vida das e dos escolares, nas súas relacións,  sentirmos os seus devezos, as súas emocións, o seu soño, nun tempo de sementeira nos eidos cultural, social e político.
Con tan só catro paradas o tránsito pola Compostela de Scórpio, serao tamén polo espello da xeografía vital de Carvalho; partindo do primeiro lugar que o acolle cando ingresa na Universidade, no barrio de San Martiño, un espazo afectivo, gravado na súa memoria; onde coñeceremos como era a cidade, na altura.
A segunda paraxe, a Praza da Universidade é o lugar capital da acción, na acrópole da cultura, o espazo referencial, eixe sobre o que pivota a trama, onde Ricardo atopou unha ampla formación académica, vital e intelectual, mais o compromiso coa sociedade e coa propia institución; aspirando a que esta fose moderna e galega.
Logo faremos un alto nas Praterías, no contexto do galeguismo  e do advento da República, tras fitar a ollada na sé do SEG, á Ferradura e a Rúa do Vilar, espazos recorrentes e transcendentes no devir daquela época.  As Praterías e A Quintana son dúas prazas simbólicas que nos convidan a facer unha pausa poética.
E o ramo poñerémolo na Praza do Obradoiro, espazo que concitou a ilusión e a esperanza ao ser proclamada a II República. O traxecto pola democracia e o soño roto. O drama desta xeración e as lembranzas da vida en Santiago na nostalxia dos estudantes, combatentes, na Guerra Civil, onde o principal protagonista atopa a morte.
                                                                                                                      Xosé Ramón López Boullón


​XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN
Profesor de Lingua galega e literatura galega no ensino secundario, en Santiago de Compostela.
Docente de cursos de lingua galega, linguaxe administrativa, xurídica e especialización para Mestres en diferentes institucións: DXPL, EGAP, Escola de Práctica Xurídica, USC, Concello de Santiago (1992-2002).
Asesor, corrector e supervisor lingúístico: responsable do Gabinete de Normalización Lingüística da Federación de Empresarios do Barbanza, TVG, Editorial Compostela S.A. no Grupo Correo Gallego, técnico lingüísta no Parlamento de Galicia) e, linguista no xornal Galicia Hoxe. (1993-2002).
Tradutor, nos citados xornais, na Sociedade de Desenvolvemneto Comarcal, CRTVG e outras entidades (1999-2000).
Formador de Formación continua na TVG (1999-2000).
Bolseiro e técnico do Proxecto Toponimia de Galicia (2002-2007).
Relatorios e publicacións salientables: Retallos dunha época ( artigo semanal no Galicia Hoxe); A conservación da toponimia (Galicia Hoxe, 2000); Toponimia en Santiago, un núcleo urbano no mundo rural (I Congreo Frei Martin Sarmiento, 2002); elaboración do xogo didáctico aTOPando Compostela (2010); os paseos “de que falam as rúas de Compostela” (Gentalha do Pichel, 2013);  Didáctica da toponimia ( Xornadas de toponimia no ensino, 2019); A toponimia de Ames ( RaG, Colección Terra Nomeada, 2019); A  Compostela de Scórpio, a Compostela de Ricardo Carvalho Calero (2019).
Actividade socio-cultural: secretario da Asociación de Veciños Casco Antigo (1993-1994); vogal da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización linigua galega (CTNL) (1999-2004),(2023-2025); membro da Asociación Galega de Onomástica (AGon), desde o ano 2000; socio da Asociación Cultural O Galo. 

0 Comentários

cambedo 1946

21/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
A AC. O Galo, como membro da Rede Cultural da Lusofonía, convídavos á representación da peza teatral CAMBEDO 1946, que corre a cargo do grupo portugués Teatro de Balugas. Nela escenifícase a acollida de guerrilleiros galegos pol@s habitantes desa aldea e o bombardeo que a aviación franquista efectuou sobre ela, malia a oficialmente ser territorio luso. Entrada libre até encher.
Lugar: Centro Sociocultural de Santa Marta.
Data e hora:  sábado, 27 de xuño, ás 19h. 
0 Comentários

o gótico na catedral de santiago

11/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
O vindeiro xoves, 18 de xuño, ás 19:15h., no oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo), para clausurar o ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV,  a Catedrática de Historia da Arte na USC Marta Cendón impartirá a palestra “O gótico na catedral de Santiago”. O Acto rematará cunha visita guiada por esta profesora ao interior da catedral. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra.  A entrada é libre até encher o local.

O GÓTICO NA CATEDRAL DE SANTIAGO
Con frecuencia, os estudos sobre a catedral compostelá centráronse na fábrica románica, ou ben, no Barroco, omitindo os aspectos referentes ás realizacións durante o Gótico. Iso vén motivado, alén de por a brillantez das obras dos devanditos períodos, pola perda que sufriron as construcións realizadas na parte final do medievo, enmascaradas, en boa parte, tras as transformacións posteriores.
Hai una serie de obras xa góticas, que continúan os presupostos dos talleres mateinos, como reflicten os restos do panteón rexio ou a imaxe do apóstolo que preside o altar maior. Xunto a elas comeza a desenvolverse un gótico próximo ao que desde Francia calara nas catedrais máis relevantes de Castela, como Burgos, Toledo e sobre todo León, e que cronoloxicamente coincide co arcebispado de D. Xoán Arias (1238-1266).  Tamén cabe destacar as obras realizadas  en relación con outros arcebispos como o dominico francés D. Berenguel de Landoira (1317-1330), D. Lope de Mendoza (1400-1445), membro dunha das liñaxes mais destacadas na Castela da época, pechando o gótico a actividade desenvolvida polo dous primeiros Fonseca, en especial D. Afonso de Fonseca e Acevedo (1464-1507).
Realmente o que se levou a cabo durante o Gótico, foron remodelacións de certas zonas, como a cabeceira, o pazo episcopal, o claustro, diversas fortificacións e, sobre todo, capelas privadas vinculadas ao mecenado de arcebispos, nobres ou burgueses que trataban de ser lembrados polas súas contribucións á catedral.

MARTA CENDÓN FERNÁNDEZ é Catedrática de Historia da Arte na USC. Realizou a tese de doutoramento sobre Iconografía funeraria do bispo na Castela dos Trastámara.
Entre os seus libros destaca A catedral de Tui en época medieval. Así mesmo, publicou diversos artigos e capítulos de libros sobre a catedral de Tui, a imaxe da nobreza na Idade Media galega, a escultura funeraria de bispos, e outros temas enmarcados sempre no medievo: a idea da morte, e aspectos iconográficos vinculados coa natureza, a vida cotiá, a muller, peregrinación, haxiografía, e devocións.
articipou en múltiples congresos, cursos e simposios en España, Portugal, Francia, Marrocos, Brasil, Uruguai e Arxentina.
Por outra banda, foi membro de diversos proxectos de investigación sobre temas tan variados como as catedrais galegas na Idade Media ou “Lexitimación do poder, correntes relixiosas e prácticas de piedade na coroa de Castela, séculos XII-XV”. En 2021 coordinou o proxecto titulado “Santiago taumaturgo: textos e imaxes”, dentro dos “Proxectos de investigación, difusión e didáctica sobre ou camiño de Santiago e as peregrinacións”.
É membro de diferentes  grupos de investigación e comisións: IACOBUS,  CISPAC, Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
É Presidenta do “Instituto de estudos tudenses”, membro da Real e Pontificia Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo, así como da Société Nationale des Antiquaires de France como «correspondant étranger ».

0 Comentários

Portais historiados da catedral de santiago

1/6/2026

0 Comentários

 
Fotografia
 “Portais historiados da catedral de Santiago”  é a seguinte palestra do ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, organizado pola nosa asociación. A entrada é libre até encher o local.
Esta palestra será impartida por Manuel Antonio Castiñeiras González, catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona O Acto rematará cunha visita de 15 minutos, guiada por este profesor ao interior da catedral compostelá. Deste xeito completaremos o que antes nos explicou e amosou en imaxes durante a súa palestra.  
Día, hora e duración: martes, 9 de xuño, ás 19:15h. Aprox. 95 minutos. 
Lugar:  No Salón de Actos do Museo do Pobo Galego

Manuel Castiñeiras é actualmente catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona, onde traballa como docente e investigador desde 2010, e presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago desde 2022. Anteriormente foi conservador e xefe da Colección de Arte Románica do Museu Nacional d’Art de Catalunya (Barcelona) (2005-2010), así como profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (1997-2005).
Entre os seu méritos internacionais, cómpre salientar que foi Visiting Professor no Department of History of Art da University of Pennsylvania (EE. UU) (2012) e na Pontificia Universidade Católica de Goiás (Brasil) (PUC Goiás, 2024, 2026), Foi tamén Fellow da Japan Society for the Promotion of Science (JSPS) na Nagasaki Junshin Catholic University (Xapón) (2012), e Samuel H. Kress Senior Fellow no Center for Advanced Study in the Visual Arts (CASVA) na National Gallery de Washington (EE. UU), durante o ano académico 2017-2018.
É un recoñecido estudoso da arte románica, tanto no ámbito peninsular como en Europa, con importantes traballos sobre monumentos senlleiros como a catedral de Santiago, Ripoll, Conques, Cremona, etc. Nos últimos anos expandiu o seu campo de estudo a temas do Mediterráneo Medieval, a peregrinación a Terra Santa e os contactos con Bizancio, con importantes estudos sobre os códices iluminados bizantinos conservados en España. Entre as súas publicacións destaca: El calendario medieval hispano, 1996; El Pórtico de la Gloria, 1999; A vieira en Compostela, a insignia da peregrinación xacobea, Santiago, 2007; Galicia e os Camiños de Santiago, Xunta de Galicia, 2016, reed. 2025). Foi comisario de grandes exposicións internacionais como: O románico e o Mediterráneo. Cataluña, Toulouse e Pisa, 1120-1180, MNAC, 2008;  Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, París, Roma, Santiago, 2010, e Sant Pere de Rodes i el Mestre de Cabestany. La creació d’un mite, MNAC, 2026.
 
​​Os portais historiados da catedral de Santiago -a desparecida Porta Francíxena e a Porta das Praterías-, que foron levados a cabo entre 1101 e 1111/1112, constitúen a máxima expresión da que ten sido chamada “arte xelmiriana”. Estas fachadas esculturadas compostelás supuxeron un gran salto cara a diante con respecto ás experiencias previas dos obradoiros activos no Camiño de Santiago a finais do século XI e constitúen un punto de referencia ineludible da arte europe daqueles tempos. 
Tanto a Porta Francíxena como Praterías son froito do obradoiro internacional que entón traballaba en Compostela grazas, en parte, ás viaxes emprendidas polo bispo Diego Xelmírez en 1100 e 1105 por terras galas e italianas, que facilitaron tanto a contratación de artistas como o acceso privilexiado a modelos. Compostela converteuse así nun centro creativo e internacional do románico pleno, no que se coñecían as novidades que se estaban a levar a cabo na Porta Miègeville de Tolosa (1100-1105), no Portal Occidental de Conques (ca. 1100), en  Cluny III, na catedral de Módena (1099-1106) e mesmo na Roma papal do renacemento paleocristián. 
De feito, moitas das peculiaridades tipolóxicas (porta bífora con relevos), temáticas (apostolados, teofanías, repertorios profanos) e programáticas (exaltación da vita apostolica, condena dos vicios) das fachadas compostelás derivan de monumentos galos. Do mesmo modo, a experiencia italiana de Xelmírez e os seus acompañantes está na base do uso das imaxes como “escritura para iletrados”, o gusto pola narración e a cita á tradición paleocristià romana. 
Como resultado, as fachadas compostelás desenvolveron uns programas figurativos e iconográficos de tipo orixinal e vangardista, nos que se sintetizaban as diversas experiencias derivadas da arte dos camiños de peregrinación e se facía explícita a adherencia de Compostela á emerxente arte da reforma greogriana. 
0 Comentários

O MESTRE MATEO. O GRAN ARTISTA DA CATEDRAL

15/5/2026

1 Comentário

 
Fotografia
O xoves, 21 de maio, ás 19:15h..  no oratorio S. Felipe Neri (edifico de S. Martiño Pinario. Éntrase pola porta do museo), continuando co ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, teremos a palestra  O MESTRE MATEO: O GRANDE ARTISTA DA CATEDRAL impartida por Ramón Yzquierdo Peiró. O Acto rematará cunha visita guiada  ao interior da catedral compostelá de 15 minutos. A entrada é libre até encher o local. 
 
 Ramón Yzquierdo Peiró
É o Director Técnico do Museo Catedral de Santiago, do que previamente foi Conservador.
Doutor en Historia da Arte e Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade compostelá, conta con mestrados e postgrados en xestión cultural, museoloxía, interpretación do patrimonio e conservación de bens culturais. Asemade, completou a súa formación con bolsas e estancias de investigación no Ministerio de Cultura, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.
Entre outras, foi Comisario da exposición Mestre Mateo, celebrada no Museo Nacional del Prado e, na actualidade ocúpase do proxecto expositivo sobre a catedral de Santiago que se desenvolverá proximamente no Meadows Museum de Dallas.
Director de numerosos proxectos culturais, entre os que destacan: O Panteón Real de Compostela; Historia Pinxit: espazos temas e personaxes na pintura da catedral compostelá; Bernardo II e a memoria da Compostela medieval e Mestre Mateo: o grande artista da catedral compostelá.
A súa actividade investigadora céntrase, fundamentalmente, no estudo dos fondos artísticos da catedral, sendo autor de numerosas publicacións, artigos científicos e divulgativos, capítulos de libros e monografías.

O MESTRE MATEO: O GRANDE ARTISTA DA CATEDRAL
Tras a decisiva intervención realizada baixo a dirección de Diego Xelmírez, a construción da catedral románica viviu un período de certa retardación debida a causas diversas.  En febreiro de 1168, o rei Fernando II asinou en Compostela un privilexio  polo cal concedía ao Mestre Mateo unha xenerosa pensión vitalicia pola dirección das obras da catedral. Este documento, hoxe conservado no Arquivo catedralicio supón o punto de partida ao proxecto mateán.
Mateo debeu culminar, primeiramente, o corpo lonxitudinal da catedral, tal e como evidencian o cambio estilístico que se aprecia nos capiteis das naves e a tribuna nos seus últimos tramos e, tamén, recentes estudos sobre os procesos construtivos da catedral. 
De seguido, Mateo afrontou o pechamento occidental da catedral co Pórtico da Gloria, estruturado en tres niveis en altura salvando a pendente do terreo cunha novidosa Cripta, que inicia o relato de contido apocalíptico e salvífico do conxunto.
No nártice, orixinalmente aberto cara o exterior mediante un gran arco e unha fachada hoxe perdida, plasmou a historia da humanidade, culminada no final dos tempos coa segunda vida de Cristo.
Toda este relato culmina na tribuna situada sobre o Pórtico, onde a clave da bóveda central, co Año de Deus, estaba permanentemente iluminada seguindo novamente o Apocalipse.
Xunto co conxunto do Pórtico, hoxe moi alterado por intervencións posteriores que afectaron sobre todo á súa fachada exterior e á policromía, o proxecto do Mestre Mateo tamén incluíu a construción dun gran coro en granito policromado que ocupou os catro primeiros da nave central da catedral. O coro, destinado aos cóengos de Santiago, formaba parte do programa iconográfico dun proxecto unitario.
O Mestre Mateo representaríase a si mesmo na imaxe axeonllada do reverso do baseamento do parteluz do Pórtico, o popularmente coñecido como Santo dos Croques, nun recoñecemento ao labor do artífice pouco habitual na súa época; e completaría o seu proxecto, ademais, coa colocación sobre o altar xelmiriano da imaxe sedente do Apóstolo que presidiría a solemne consagración da catedral compostelá o 21 de abril de 1211.
Tras a decisiva intervención realizada baixo a dirección de Diego Xelmírez, a construción da catedral románica viviu un período de certa retardación debida a causas diversas.  En febreiro de 1168, o rei Fernando II asinou en Compostela un privilexio  polo cal concedía ao Mestre Mateo unha xenerosa pensión vitalicia pola dirección das obras da catedral. Este documento, hoxe conservado no Arquivo catedralicio supón o punto de partida ao proxecto mateán.
Mateo debeu culminar, primeiramente, o corpo lonxitudinal da catedral, tal e como evidencian o cambio estilístico que se aprecia nos capiteis das naves e a tribuna nos seus últimos tramos e, tamén, recentes estudos sobre os procesos construtivos da catedral. 
De seguido, Mateo afrontou o pechamento occidental da catedral co Pórtico da Gloria, estruturado en tres niveis en altura salvando a pendente do terreo cunha novidosa Cripta, que inicia o relato de contido apocalíptico e salvífico do conxunto.
No nártice, orixinalmente aberto cara o exterior mediante un gran arco e unha fachada hoxe perdida, plasmou a historia da humanidade, culminada no final dos tempos coa segunda vida de Cristo.
Toda este relato culmina na tribuna situada sobre o Pórtico, onde a clave da bóveda central, co Año de Deus, estaba permanentemente iluminada seguindo novamente o Apocalipse.
Xunto co conxunto do Pórtico, hoxe moi alterado por intervencións posteriores que afectaron sobre todo á súa fachada exterior e á policromía, o proxecto do Mestre Mateo tamén incluíu a construción dun gran coro en granito policromado que ocupou os catro primeiros da nave central da catedral. O coro, destinado aos cóengos de Santiago, formaba parte do programa iconográfico dun proxecto unitario.
O Mestre Mateo se representaría a si mesmo na imaxe axeonllada do reverso do baseamento do parteluz do Pórtico, o popularmente coñecido como Santo dos Croques, nun recoñecemento ao labor do artífice pouco habitual na súa época; e completaría o seu proxecto, ademais, coa colocación sobre o altar xelmiriano da imaxe sedente do Apóstolo que presidiría a solemne consagración da catedral compostelá o 21 de abril de 1211.
1 Comentário
<<Anterior

    Arquivos

    Julho 2026
    Junho 2026
    Maio 2026
    Abril 2026
    Março 2026
    Fevereiro 2026
    Janeiro 2026
    Dezembro 2025
    Novembro 2025
    Outubro 2025
    Setembro 2025
    Julho 2025
    Junho 2025
    Maio 2025
    Abril 2025
    Março 2025
    Fevereiro 2025
    Janeiro 2025
    Dezembro 2024
    Novembro 2024
    Outubro 2024
    Setembro 2024
    Julho 2024
    Junho 2024
    Maio 2024
    Abril 2024
    Março 2024
    Fevereiro 2024
    Janeiro 2024
    Dezembro 2023
    Novembro 2023
    Outubro 2023
    Setembro 2023
    Julho 2023
    Junho 2023
    Maio 2023
    Abril 2023
    Março 2023
    Fevereiro 2023
    Janeiro 2023
    Dezembro 2022
    Novembro 2022
    Outubro 2022
    Setembro 2022
    Julho 2022
    Junho 2022
    Maio 2022
    Abril 2022
    Março 2022
    Fevereiro 2022
    Janeiro 2022
    Dezembro 2021
    Novembro 2021
    Outubro 2021
    Setembro 2021
    Julho 2021
    Junho 2021
    Maio 2021
    Abril 2021
    Março 2021
    Fevereiro 2021
    Outubro 2020
    Maio 2020
    Março 2020
    Fevereiro 2020
    Janeiro 2020
    Dezembro 2019
    Novembro 2019
    Outubro 2019
    Setembro 2019
    Julho 2019
    Junho 2019
    Maio 2019
    Abril 2019
    Março 2019
    Fevereiro 2019
    Janeiro 2019
    Dezembro 2018
    Novembro 2018
    Outubro 2018
    Setembro 2018
    Julho 2018
    Junho 2018
    Maio 2018
    Abril 2018
    Março 2018
    Fevereiro 2018

    Feed RSS

    Imagen
    Imagem
    A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.

Com tecnologia Crie um website único com modelos personalizáveis.