XOSÉ MIGUEL ANDRADE CERNADAS (A Coruña, 1963) É catedrático de Historia Medieval na Universidade de Santiago. Boa parte das súas investigacións están dedicadas ao protagonismo do monacato na sociedade da Galiza alto e pleno medieval. Tense ocupado doutros temas como o Reino medieval de Galiza, as peregrinacións a Compostela, o mundo dos preitos e da resolución de conflitos ou a historia da alimentación na idade media. Así mesmo ten participado en congresos e xuntanzas científicas e publicado artigos e libros sobre o medievo na nosa Terra.
Na palestra do mércores 15 de Novembro de 2023, ás 19:30 horas, na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia, X. Miguel Andrade Cernadas, falará sobre CRESCONIO E DIEGO PELÁEZ, DOUS BISPOS IRIENSES DO SÉCULO XI. Un excomungado polo Papa. Outro, deposto e encarcerado por un rei. Foron dous bispos poderosos, ao fronte da igrexa mais influínte e poderosa de Galiza que, en moitos aspectos, anuncian e anticipan o episcopado máis coñecido e famoso da Galiza medieval: o de Diego Xelmírez. Os dous, bispos guerreiros. Os dous, señores feudais. Os dous, protagonistas políticos de primeiro nivel e estreitamente relacionados coa monarquía. Ambos ao fronte dunha sé que comeza ser meta de peregrinacións e a ter sona internacional crecente. Nas súas semellanzas, e nas súas diferenzas, imos centrar a nosa intervención, pois focalizarémola na vida e na obra destes dous prelados, símbolo da poderosa e influínte Galiza do século XI. Hai uns días finou Aurichu, Aurora Pereira Carballo, socia fundadora do Galo. Por iso o Galo entoa o seu cocorocó. A Xunta Directiva da Agrupación Cultural O Galo de Santiago, quere manifestar, en nome de toda a asociación, o seu fondo pesar polo seu pasamento e dar o pésame á súa familia e amizades.
Aurichu era unha muller comprometida coa nosa cultura, boa compañeira e mellor amiga. Persoa moi querida e valorada por todos nós. Xenerosa e entusiasta, a súa casa era un lugar de reunión para a intelectualidade galega durante o franquismo e a chamada transición. A ela debemos o nome da nosa asociación, pois foi ela quen o propuxo inspirada na lectura don poema homónimo de Luís Amado Carballo. No poema pídeselle ao galo que abra as portas do día co seu cantar e que acenda unha fogueira co lume do seu voo. E alí, nese ano 1961, xa estaba Aurichu Pereira disposta a avivar un lume novo, a botar unha man e con ideas novas facer realidade os proxectos da nosa asociación. O seu traballo foi constante e calado e sempre implicado coa actividade sociocultural do país. A súa tenda foi un referente para toda Galiza, trouxo un aire fresco, mestura de tradición e contemporaneidade. A través dela, Aurichu, visibilizou e axudou a revalorizar a artesanía tradicional galega . Ademais, nela podías mercar pezas da cultura popular de todo o mundo: da India, Marrocos, México, Portugal, Mongolia ou de Brasil e toda América do Sur. Foi a primeira tenda en vender roupa étnica que traía das súas viaxes a París e Londres, tecidos artesanais de lá e liño procedentes da Galiza interior e o Bierzo, ademais de roupa que ela mesma deseñaba, inspirándose en Matisse , Picasso ou Candinsky ou na arte popular da nosa Terra, Na súa tenda da rúa Xelmírez, tamén había pezas de xoiaría e decoración tanto de estética tradicional como realizadas polas novas xeracións de artistas. Nela nunca faltaban mantas das nosas teceláns e pezas de Niñodagia, Gundivós, Buño, Bonxe e Mondoñedo, xunto a outras de madeira, folla de lata, oso, corda ou cunchas, tanto de Galiza como doutras partes do mundo. Ela popularizou aquí ceramistas como Mistério ou Rosa Ramalho, figuras emblemáticas da olaría tradicional portuguesa. Tamén gustaba de pintar, formouse con Carlos Maside e fixo con éxito numerosas exposicións. O Concello de Santiago, Sermos Galiza, a A.C. O Galo e Vive, Vide! convidan ao coloquio-presentación do libro CENTO DOCE VIAXES NA MIÑA TERRA.
O acto celebrarase o vindeiro xoves, 2 de novembro, ás 20:00 h., no Espazo Enocultural VIVE,VIDE!. Participarán Xoán Colazo, autor da obra, e Aleixo Vilas, economista. A obra, publicada por Sermos Galiza, empresa editora de Nós Diario, achega en 492 páxinas encadernadas en tapa dura, con máis de 250 fotografías a toda cor, as reflexións do autor sobre diferentes lugares da xeografía física e humana da Galiza, profundamente transformada, que percorreu ao longo destes anos “polas derradeiras paraxes descoñecidas da Galiza”. Colazo sinala que con este libro quere compartir "a paixón polo país, espertar na xente o interese de saír a camiñar e coñecer a nosa terra. Este é o xeito de valorala, de querela, de reivindicala, de sermos conscientes da nosa historia, da rica arte, da natureza vizosa, da toponimia de noso, das formas de montes, ribeiras e vales." En oito de xuño de 2012 regresaba o galego aos quioscos coa publicación do semanario Sermos Galiza. Xa nese primeiro número apareceu a sección Viaxes, obra do Colectivo Xea, na que Xoán Colazo compartiu andanzas con Adela Leiro e Mon Daporta, mestres e compañeiros de vello en publicacións d’A Nosa Terra. O libro recolle as cento doce colaboracións da súa responsabilidade e que abranguen unha década de publicacións, até decembro de 2022. Dalgún xeito, son tamén unha mostra resumida da longa experiencia de toda unha vida de percorrer Galiza enteira. O libro busca partillar a paixón polo país, espertar na xente o interese de saír a camiñar e coñecer a nosa terra, como xeito de valorala, querela, reivindicala e sermos conscientes da nosa historia, da rica arte, da natureza vizosa, da toponimia de noso, das poéticas formas de montes, ribeiras e vales. E, sobre todo, saír do noso horizonte cotián permítenos coñecer e falar coas persoas que habitan, dan sentido e moldean este territorio variado e gozoso. A experiencia de visitar un bosque, ollar unha vella igrexa ou fotografar unha fervenza estaría pexada de non escoitarmos o que os veciños e veciñas poidan dicir deles, ou simplemente sentir como interpretan as cousas da vida. Pero viaxar tamén nos confronta coas miserias do noso país. Coñeceremos daquela elementos patrimoniais estragados, zonas de grande interese natural degradados por desleixo ou voracidade de intereses económicos, e en toda parte unha cultura agredida e unha poboación que esmorece. Saber destas fondas feridas da terra debera levarnos a reaxir e loitar por darlle un destino mellor ao territorio e por extensión ao planeta. Este libro de viaxes na nosa terra non son unha simple guía para localizar lugares ou unha recreación de instantes vividos por quen percorre un país máis amplo có que sinalan as fronteiras administrativas. Tentan ser unha incitación á viaxe. Dalgunha maneira, viaxar por Galiza é como acadar unha terra ignota por descoñecida e ocultada. O libro procura loitar contra esa ignorancia do que nos é propio, e amosar o tantas veces invisíbel malia estar ao noso carón. CURRÍCULO DO AUTOR Xoán Colazo naceu en Candeán, unha parroquia de Vigo, onde leva vivindo toda a vida, agás unha etapa de varios anos en que foi veciño compostelán por motivos laborais. Economista de formación exerce na actualidade esa profesión. Participa das actividades de diferentes asociacións: culturais, ecoloxistas, veciñais e de defensa da lingua galega, e colabora con Sermos Galiza, editora de Nós Diario, e antigamente no periódico A Nosa Terra, onde contribuíu na edición de libros sobre a natureza galega dentro do Colectivo Xea. É de salientar a participación no mundo das comunidades de montes dende hai case 30 anos en que se iniciou a clasificación como veciñal en man común do monte da parroquia de Candeán e de facer parte na creación en 1999 da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais. Con inquedanzas moi diversas, todo o que ten a ver con Galiza non lle é alleo, seguindo a máxima "Galiza, célula de universalidade", e é dende aquí que olla con interese o Mundo, que quero preservar no que ten de bo e transformar para mellor a nivel natural e como sociedades humanas. EDICIÓNS LAIOVENTO, a A.C. O Galo e Libraría Couceiro aprácense en convidar á presentación do libro A TRANSICIÓN EN GALIZA.
O acto celebrarase o vindeiro xoves, 26 de outubro, ás 19,30 h., na libraría Couceiro, praza de Cervantes 6, Compostela. Participarán Uxío-Breogán Diéguez, coordinador da obra, e Prudencio Viveiro, por Edicións Laiovento. Uxío-Breogán Diéguez (Madrid, 1978). Doutor en Historia pola Universitat de Barcelona. Profesor da Universidade da Coruña, na que é director da Cátedra de Memoria Histórica. Cofundador e director de Murguía, Revista Galega de Historia desde 2003. Presidente entre 2001 e 2011 da Asociación Galega de Historiadores, así como presidente desde 2011 do Instituto Galego de Historia. Membro da Fundación Moncho Reboiras e da Fundación Alexandre Bóveda. Impulsor xunto a Xosé Estévez do Galeusca Historia no 2008. Ten dirixido, guionizado e asesorado varios documentarios, como Alexandre Böveda. Capitán noso (2003) ou A Fazaña da Liberdade (2013), así como comisariado varias exposición, como Alexandre Bóveda: da vida e do compromiso (2011) ou Nunca Máis. A rebelión dun pobo (2012). É autor de numerosos libros, como entre outros A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (FAB, 2002), Álvaro de las Casas. Biografía e Documentos (Galaxia, 2003), Alexandre Bóveda nos seus documentos (Difusora de Ideas, 2010) e Nacionalismo galego aquén e alén mar, 1936-1975 (Laiovento, 2015), así como impulsor e coautor de obras colectivas sobre historia política, como entre outras Nationalism on the Iberian Peninsula During the Early 20th Century (University of Nevada, 2021) e A Transición en Galiza, recentemente publicada en Laiovento. A A.C. O Galo convídavos á xuntanza-conversa "Situación e futuro da prensa en Galiza", un encontro que organiza Nós Diario para festexar a saída do número 1000 do xornal.
Nela falarase da "Situación e futuro da prensa en Galiza", participará Mª Antonia Pérez, presidenta da A.C. O Galo, María Obelleiro e Xoán Costa, directora e presidente do consello de administración de NóS Diario, respectivamente. E tamén participarán cant@s de vós desexedes intervir neste diálogo que será público e aberto a toda a cidadanía, ate encher aforo. Agardamos a túa participación nesta xuntanza na que cada quen ten a oportunidade de dialogar e de expoñer a súas opinións sobre "Situación e futuro da prensa en Galiza". ROTEIRO PREVISTO
Xoves, 12 de outubro de 2023 07:30 h.: Saída de Santiago. 13:00 h.: Carrión de los Condes, onde xantaremos, veremos a vila e as igrexas de Santiago e de Santa María. 17:00 h. Saída para Burgos. 18:00 h.: Chegada s Burgos. 18:30 h.: Visita guiada á cidade. 21:30 h.: Cea. Venres, 13 de outubro de 2023. 09:30 h.: Visita á catedral de Burgos e ao seu museo, así como ás igrexas S. Nicolás de Bari e S. Gil. 13:00 h.: Visita ao castelo. 14:30 h.: Xantar. 16:30 h. Visita ao Museo da Evolución Humana de Atapuerca. 18,30 h.: Tempo de lecer. Sábado, 14 de outubro de 2023 09:30 h.: Visita ao mosteiro das Huelgas. 13:00 h.: Visita á Cartuja de Miraflores, situada a 5 km de Burgos. 14:00 h.: Xantar. 16:30 h.: Visita ao mosteiro de S. Pedro de Cardeña. 18,30 h.: Tempo de lecer. 21:00 h.: Cea. Domingo, 15 de outubro de 2023. 08:00 h.: Saída para Galiza. 10:00 h.: Visita ao xacemento romano de La Olmeda. 14:00 h.: Xantar en Astorga e paseo por esta vila. 16:30 h.: Saída para Santiago. 21:30 h.: Chegada a Compostela. O vindeiro xoves, 5 de outubro, terán lugar na libraría Couceiro de Compostela as seguintes palestras destas xornadas:
Comezaremos ás 19 horas co relatorio de Manuel Vilar titulado A ETNOGRAFÍA NO SEG. TEXTOS PARA COÑECERNOS. Manuel Vilar Álvarez é licenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. O seu labor profesional desenvólvese no campo da antropoloxía e patrimonio, comisariando exposicións ou facendo traballo de campo en temas relacionados co Camiño de Santiago ou con outros aspectos do patrimonio cultural. Desde 2019 é o director do Museo do Pobo Galego. É autor de diferentes publicacións sobre A Costa da Morte, antropoloxía e o camiño de Santiago, especialmente o de Fisterra e Muxía, salientando Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, editada pola Editorial Alvarellos en 2019 ou o capítulo “Analyzing Narratives about the Camino. From Claims in Support of Local Elements to the Success of the Xacobeo”, en C. Sánchez Carretero, Heritage, Pilgrimage and the Camino to Finisterre. Walking to the End of the Word. Springer, Londres 2015. No ano 2019, e con motivo de dedicarlle o Día das Letras Galegas a don Antonio Fraguas, publicou varios artigos sobre o traballo etnográfico de Antonio Fraguas, como “O ritual festivo como elemento diferenciador”, no libro Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida, da Universidade de Santiago de Compostela. Ten traballos sobre a emigración galega a Nova York, sobre Xaquín Lorenzo ou sobre os museos etnolóxicos como “Ethnographic museums and essentialist representations of Galician identity”, en International Journal of Iberian Studies 21.2, 2008, en colaboración con Xerardo Pereiro Pérez. O último publicado foi o ano 2022 na revista Agora, papeles de filosofía, “Museos e antropoloxía, un longo camiño de volta á casa”. Tamén é colaborador na prensa diaria. A ETNOGRAFÍA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS: TEXTOS PARA COÑECÉRMONOS Por Manuel Vilar Álvarez (resumo) O relatorio está dividido en cinco partes: terminoloxía, tradición, etnografía, metodoloxía e museo. A idea é demostrar que o que fixo a xente do Seminario de Estudos Galegos no campo da etnografía hoxe chamámoslle antropoloxía. Que as distintas denominacións, folclore, etnografía ou antropoloxía, responden a diferentes tradicións. O que fixeron conectaba cunha tradición que viña dos folcloristas do século XIX, mais renovaron na metodoloxía, nos temas tratados e nos obxectivos, é dicir, que actualizaron o discurso para contribuír ao coñecemento dunha sociedade e unha explicación de certas prácticas sociais, crenzas e costumes. A etnografía era un xeito de contar a historia da xente que non lle contaran a súa historia. O SEG xuntaron investigación, colección e difusión para construír un relato que puidera ser compartido socialmente. Para iso era fundamental un museo con fondos etnográficos relativos á memoria social. Fixeron etnografía para axudar a confirmar o feito diferencial galego. Era unha antropoloxía que podemos inscribir na tradición do que George Stocking denominou da “construción da nación”. A continuación, Mercedes Rozas falaranos sobre A ARTE EN GALIZA NOS TEMPOS DO SEG. Mercedes Rozas é Licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego. Desde os anos 80 desenvolve o seu traballo na crítica de arte: como conferenciante, en colaboracións para xornais como La Voz de Galicia e Nós Diario, así como publicacións para revistas especializadas e institucións públicas e privadas. Foi coordinadora de exposicións de proxectos artísticos como Galicia Terra Única (1997), Xacobeo 99 (1999), Pegadas Xacobeas (1999), Xacobeo (2004), Galicia Cidade Única (2000), Capitalidades Culturais. Santiago de Compostela (2000), Galicia 1981-2001 (2001), X Aniversario da Casa de Galicia en Madrid (2002), 25 anos de Caixa Galicia en Santiago (2002), In Tempore Sueborum (2018), Figurando lembranzas (2019), Dobre Quadratura (2021). Como comisaria ten participado nas mostras colectivas Diálogos co silencio, Camiñantes, Itinerarios artísticos, Expresións Técnicas, Guieiros, Hipervínculos, A arte da semellanza, Camiño de Volta, A paisaxe e a súa pegada ou Libros Conversos. Como comisaria de artistas individuais están mostras adicadas a Carlos Maside, Eugenio Granell, Manuel Ayaso, Quintana Martelo, Xosé Luis de Dios, Luis Gabú, Aurichu Pereira, Julia ares, Moreiras, Leopoldo Nóvoa ou Diego Vidal. Ten colaborado con institucións como a Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego, Consorcio de Santiago, Afundación, Deputación de Ourense, Auditorio de Galicia, Universidade de Santiago, Museo Barjola ou Instituto Cervantes. A ARTE NOS TEMPOS DO SEG Por Mercedes Rozas (resumo) Partindo da imbricación da arte na sociedade, analízase a plástica en Galicia durante a actividade do Seminario de Estudos Galegos, desde 1923, ano da súa creación, ata 1936, que por mor do golpe de estado militar a institución queda desmembrada. As continxencias históricas foron por estas datas especialmente boiantes en episodios sociais, políticos e culturais como para que os artistas da época puideran recrear as mudanzas que se estaban a producir. Con todo, a institución non é de modo expreso fundada para a causa artística, polo que está non contou cun protagonismo relevante nas actividades asociativas, agás algunha que outra exposición e, máis asiduamente, as actividades vinculadas á arqueoloxía. A participación por parte dos autores contemporáneos maniféstase máis de colaboración e adhesión. Seguindo o ronsel das creacións, o que si resulta doado é facerse unha composición de lugar das distintas estéticas que rexían naquelas circunstancias no noso país. Diso trata esta intervención. Neste percorrido evidénciase a persistencia dunha liña determinante conservadora que segue as pegadas do rexionalismo decimonónico, cunha figuración academicista acentuada por o folclorismo e os tópicos, así como por unha busca da identidade en consonancia coas correntes que alumaban en distintos ámbitos europeos e tamén do noso entorno, máis concretamente no País Vasco e Cataluña. Na intervención recollerase o labor de figuras transcendentais da arte de preguerra como María Corredoyra, Francisco Llorens, Asorey, Eiroa, Castelao ou Camilo Díaz Baliño. No periplo das décadas dos vinte e trinta contemplarase tamén a influencia das vangardas en artistas máis concienciados coa modernización, facendo un paralelismo coas tendencias que se estaban a producir en Alemania e Francia. O grupo dos Renovadores, entre eles Maside, Torres e Colmeiro, son ben significativos nesta angueira estética, os tres socios ou subscritores da biblioteca. Mentres a actividade era cada vez máis intensa, a política terzou nos ánimos da arte, tanto durante a ditadura de Primo de Rivera como durante a República, condicionando a resposta que deron os artistas. No SEG estiveron ao día do escenario que se estaba a auspiciar. Maside, Torres ou Vicente Risco, entre outros, traían novas de Madrid e dos anovadores acicates como os que propiciaba a Xeración do 27, grupo co que sintonizaban Maruxa Mallo e Arturo Souto, así como o granadino García Lorca, que en 1932 estivo en Pontevedra, Lugo e Santiago, recibido por algúns dos membros do SEG, dando conferencias e participando nas representacións teatrais de La Barraca. Para rematar, Xosé Ramón Ermida falará de A REPRESIÓN SOBRE O SEG. a xornada comezará ás 19h. na libraría Couceiro cunha palestra de Uxío Breogán Diéguez titulada O SEG E O SEU COMPROMISO POLÍTICO CON GALIZA.
Uxío-Breogán Diéguez (Madrid, 1978). Doutor en Historia pola Universitat de Barcelona. Profesor da Universidade da Coruña, na que é director da Cátedra de Memoria Histórica. Cofundador e director de Murguía, Revista Galega de Historia desde 2003. Presidente entre 2001 e 2011 da Asociación Galega de Historiadores, así como presidente desde 2011 do Instituto Galego de Historia. Membro da Fundación Moncho Reboiras e da Fundación Alexandre Bóveda. Impulsor xunto a Xosé Estévez do Galeusca Historia no 2008. Ten dirixido, guionizado e asesorado varios documentarios, como Alexandre Böveda. Capitán noso (2003) ou A Fazaña da Liberdade (2013), así como comisariado varias exposición, como Alexandre Bóveda: da vida e do compromiso (2011) ou Nunca Máis. A rebelión dun pobo (2012). É autor de numerosos libros, como entre outros A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (FAB, 2002), Álvaro de las Casas. Biografía e Documentos (Galaxia, 2003), Alexandre Bóveda nos seus documentos (Difusora de Ideas, 2010) e Nacionalismo galego aquén e alén mar, 1936-1975 (Laiovento, 2015), así como impulsor e coautor de obras colectivas sobre historia política, como entre outras Nationalism on the Iberian Peninsula During the Early 20th Century (University of Nevada, 2021) e A Transición en Galiza, recentemente publicada en Laiovento. O SEG E O SEU COMPROMISO POLÍTICO CON GALIZA Por Uxío-Breogán Diéguez (resumo) O profesor Uxío-Breogán Diéguez centrará a súa disertación no compromiso político do Seminario de Estudos Galegos (tanto dos seus integrantes, como do SEG en canto institución). Destacando que o Seminario de Estudos Galegos vinculouse, desde o seu nacemento, ao proxecto político das Irmandades da Fala e logo do Partido Galeguista. Neste sentido, o SEG realizou un labor de suma importancia en favor da Autonomía de Galiza, dando lugar a un concienciudo traballo de investigación que desembocou na edición do "Anteproyeito de Estatuto de Galiza", en maio de 1931. A continuación, Aurora Marca falaranos sobre AS MULLERES NO SEG. Aurora Marco. Ensaísta. Licenciouse na USC en 1970 con Premio Extraordinario, doutorouse en Filosofía e Letras en 1978 e xubilouse en 2014, tras 44 anos de docencia, como catedrática de Didáctica da Lingua e a Lit. Galega na Faculdade de CC da Educación de Compostela. No desempeño da súa carreira profesional foi secretaria e directora do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura da USC, e secretaria e presidenta da “Sociedad Española de Didáctica de la Lengua y la Literatura”. No campo da investigación é autora dunha vintena de libros –biografías, estudos e edicións críticas sobre diferentes autores e autoras, libros de carácter interdisciplinar– e de numerosos artigos sobre temática diversa. Editora de varios volumes e colaboradora de obras colectivas, desenvolve unha intensa actividade como conferenciante. Da súa extensa obra salientan: Ramón Otero Pedrayo. Prosa miúda (1988); Ramón Otero Pedrayo. Teatro ignorado (1991); Foula e ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1992); Avilés de Taramancos. Un francotirador da fermosura (2003); Ramiro Paz Carbajal. Unha vida segada pola barbarie (2003); Áurea Lorenzo Abeijón. Queixas (2004). Nos últimos trinta anos centrouse preferentemente nas investigacións de xénero. Entre 1994 e 2000 fixo parte do grupo NOMBRA, Comisión Asesora sobre Linguaxe do “Instituto de la Mujer”, grupo apoiado na súa creación pola Comisión Española de UNESCO, formado por sete especialistas en distintos campos do coñecemento que investigaron as relacións entre lingua e xénero e deron á luz diferentes publicacións. E, en calidade de investigadora, integrou o Consello pola Memoria da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia no período 2006-2009. Ao tempo comezou coa recuperación da traxectoria das mulleres galegas e, de maneira especial, das represaliadas: As precursoras (1993); Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002); Dicionario de mulleres galegas (2007); Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011); Mª Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana (2012); Elas (2015); Irmandiñas (2020); Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (2023), recén saído do prelo. Guionista e produtora de tres documentais de Memoria Histórica dirixidos polo seu fillo, o realizador Pablo Ces: As silenciadas (2011), que obtivo dous premios de Dereitos Humanos e o Mestre Mateo (2012), entre outros; “Miracielo”. Vida e morte de Manuel Ponte Pedreira (2011) e Concha Castroviejo. Arelas de liberdade, Premio Xohana Torres de Ensaio e Creación audiovisual (2018). Pola súa obra ensaística foi galardoada con numerosos premios: “Tomás Barros” de Investigación Teatral (1991); “Ánxel Fole” de Ensaio literario (1992), polo libro dedicado a Carvalho Calero; “Luís Tilve” de Investigación e Divulgación Histórica (2012) pola investigación sobre as guerrilleiras antifranquistas // Premio "Mulleres en Acción" (2015) // Premio "Galiza Mártir" (2016) // Premio "Mártires da Liberdade” (2017) // Premio “Follas Novas” do Libro Galego (2021) e Premio “Baltar Feijóo” (2022), ambos por Irmandiñas. En 2014 foi nomeada Republicana de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e, no 2021, pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza. A plataforma de crítica literaria feminista A Sega nomeouna Señora das Letras en 2023. Mulleres no Seminario de Estudos Galegos Por Aurora Marco (resumo) Desde que se produciu a entrada oficial das mulleres nas universidades, en 1910, e até a fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), en 1923, foron moi poucas as mulleres que pisaron os claustros universitarios. Lembremos as irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, primeiras estudantes de Medicina entre 1913 e 1919, que tiveron que soportar a incomprensión dos compañeiros e, inclusive, dalgúns profesores no seu paso pola facultade. Por esta razón, non resulta nada extraño que a presenza feminina no Seminario de Estudos Galegos (SEG) fose case testemuñal porque na década de 1920 foron poucas as que ingresaron na Universidade de Santiago (USC) e o Seminario, como é sabido, foi unha entidade ligada á USC. A lembrar a presenza feminina no SEG dedícaremos a intervención na táboa redonda, para salientar que as poucas “seminaristas” activas foron sobre todo as do mundo das Letras e a Pedagoxía, menos as das carreiras de Ciencias, Medicina ou Farmacia –socias protectoras houbo algunhas máis–. En todos os casos, as súas vidas e accións ficaron silenciadas, sen fixar, ausentes do discurso oficial e do ensino académico, excluídas da historia. Porén, as pegadas da súa presenza na sociedade ficaron esparexidas por diferentes fontes, e na memoria oral familiar; fontes que houbo que ir respigando con paciencia para lles dedicar un capítulo no noso libro Irmandiñas (Laiovento, 2020) ou para elaborar a monografía que vimos de publicar en Alvarellos, Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos. Nomes para a lembranza serán: Carmiña Sierra, Luísa Cuesta, Pura Lorenzana, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós Fernández, María Corredoira, Dolores Salgado e Amparo Arango. Para rematar, X. Ramón Pena falará sobre OS NOVOS CONTRA OS AVELLENTADOS. A LITERATURA DE NOSO NA XEIRA DE SEG. Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956). Tras pasar a súa infancia e adolescencia na súa terra natal e na Coruña, lenciouse en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, pola que é Doutor en Filoloxía Románica. Exerceu a docencia nas universidades de Vigo e California (Santa Bárbara) e traballou como catedrático de lingua e literatura galega no IES Santa Irene (Vigo) ata a súa xubilación. Na actualidade continúa o seu labor académico na UNED. Gañador do Premio Xerais (19877), do Premio Losada Diéguez (1988 e 2017), do Fervenzas Literarias (2015) e do Premio da Crítica Galicia (Investigación, 2015), colaboro, e colaborar, en xornais e revistas; mantén unha columna semanal no xornal Faro de Vigo, onde dirixiu -na actualidade continúa como asesor literario- o suplemento cultural “Faro da Cultura”. Foi asmade director da colección “Biblioteca das Letras Galegas” de Edicións Xerais. O seu labor como escritor ocupa os espazos do ensaio e da historia da literatura galega así como da prosa de ficción. Np primeiro deles é autor de títulos como Manuel Antonio e a vangarda (1996), Historia da literatura medieval galego-portuguesa (1922), Estudos sobre Os Eoas de Eduardo Pondal (2005, con Manuel Forcadela), Martín Codax e os xograres do mar de Vigo (2017) así como os catro volumes (2013-2019) que conforman a súa Historia da literatura galega. Así mesmo é autor das edicións de Na noite estrelecida (R.Cabanillas, 1988), Poesía galega completa de R. Cabanillas (2005, con X.Mª Dobarro) No desterro (R. Cabanillas, 2010) e Obra poética de F. Delgado Gurriarán (2022). Polo que se refire á súa produción como prosista de ficción, vén ser o autor de títulos como Para despois do adeus (1987), Paixóns privadas (1991), A era de Acuario (1997), Fado de princesa (2005), A batalla do paraíso triste (2008), Como en Alxeria (2012), Todas as vidas (2020) e En tempo de desconto (2022). Varios destes volumes están traducidos ao castelán e ao portugués. OS NOVOS CONTRA OS AVELLENTADOS. A LITERATURA DE NOSO NA XEIRA DE SEG Por X. Ramón Pena (resumo) Veu constituíndo -e aínda continúa a selo en certa medida- un lugar común nos estudos arredor da literatura galega considerar o grupo, ou máis habitualmente xeración, Nós como non só o episodio máis importante e decisivo, senón mesmo (case) o único, a destacar no decurso das letras de noso na xeira que vai desde a fundación das Irmandades da Fala (1916) deica o inicio da Guerra Civil (1936). Xa que logo, episodios como as vangardas poéticas -pero así mesmo noutros ámbitos da literatura de ficción-, se ben que abordados polos analistas, deveñen secundarios e, en todo caso, suxeitos sempre ao mestrado “incuestionábel e incuestionado” dos membros de Nós os cales, en efecto, buscaron “orientar”, “inspeccionar”..., “guiar” o grupo dos “novos” que comezaban a plantear a posibilidade doutras estéticas e perspectivas. A común pertenza dos uns e mais dos outros ao que ben podemos cualificar como a atmosfera do nacionalismo galego determinou, daquela, que as desputas e controversias se levasen a termo, en ocasións e por así expresalo, “con sordina”. Porén, o certo é que tal debate si existiu e que aquel suposto “mestrado” ou “xefatura” dos “maiores” si foi discutido e, en consecuencia, ha de ser matizado e/ou corrixido. Sen dúbida, o tempo da creación do Seminario de Estudos Galegos conforma un momento central dentro desta xeira na cal, e fronte outra vez á historiografia clásica, a desputa estética e aqueloutra de carácter ideolóxico-político van da man. Quico Cadaval celebra trinta anos de conto cun espectáculo especial no Teatro Principal de Santiago.
A función será ao mesmo tempo unha homenaxe ao mestre de mestres e unha festa das boas historias. O público está convidado a preparar preguntas para Cadaval que vai respondelas durante o espectáculo. A cita será o martes 26 de setembro, ás 20:00 horas, e os convites poderán retirarse dúas antes do comezo do espectáculo. Este espectáculo está organizada pola Asociación Memoria Atlántica, coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e mais o patrocinio do Concello de Santiago de Compostela. Quico Cadaval, referente internacional da narración oral, comeza a celebración dos seus trinta anos contando historias cun espectáculo especial o vindeiro martes, 26 de setembro, no Teatro Principal de Santiago ás 20:30 horas. A Asociación Memoria Atlántica, organizadora do Festival Atlántica, argalla coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e o patrocinio do Concello de Santiago unha función única que aspira a ser unha homenaxe, un agradecemento e unha celebración das boas historias. A entrada será gratuíta e os convites, que estarán limitados a dous por persoa, poderanse retirar dúas horas antes do comezo do espectáculo. En 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, alén de agasallar aos asistentes cun feixe dos seus mellores contos, Cadaval vai deixar aberta a porta á participación do público, que está convidado a depositar na entrada do Teatro as preguntas que desexen. No transcurso da noite, algunhas delas serán seleccionadas ao chou e respondidas sobre a marcha por Cadaval. Así pois, o que aconteza no escenario vai ser unha mestura da habilidade improvisadora do artista e das características da propia pregunta. Todo pode pasar nesta noite única e moito do que ocorra dependerá da capacidade creativa do público. Mestre de mestres Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xoán Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Como contador de historias saíu do café Atlántico e dende aquela espallou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja. Cadaval leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario. Un espectáculo de narración oral que se foi transformando nos últimos quince anos para se ir acomodando ás circunstancias ambientais, ás inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público. A Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con esta festa das historias pretende retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar. Fiel ao seu espírito colaborativo, nesta primeira función do Ciclo de Outono xunta esforzos coa Agrupación Cultural O Galo. A entrada ao espectáculo e gratuíta (2 convites por persoa). Os convites poderán retirarse 2 horas antes do espectáculo na taquilla do Teatro Principal (Santiago de Compostela). |
O GaloAgrupación Cultural que traballa pola nosa cultura Arquivos
Abril 2024
A Deputación da Coruña colabora coa concesión de subvencións, para que sexa posíbel a organización dalgunha destas actividades.
|